Proseguen os traballos para identificar as principais medidas de adaptación da acuicultura ao cambio climático

Proseguen os traballos para identificar as principais medidas de adaptación da acuicultura ao cambio climático

Realizar unha posta en común do borrador do informe de diagnóstico sobre os efectos do cambio climático no sector da acuicultura. Este é o principal obxectivo co que este xoves se reuniron na sala 1 do edificio Miralles os socios de Aquadapt, un proxecto liderado polo Campus do Mar, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e cuxo obxectivo principal é afondar no coñecemento do impacto do cambio climático na acuicultura para poder así deseñar accións de adaptación dirixidas a diminuír a vulnerabilidade do sector e aumentar a súa resiliencia.

A xuntanza contou coa participación dos propios socios do proxecto, o Campus do Mar, representado por membros das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, o Clúster da Acuicultura de Galicia (Cetga), o Centro Tecnolóxico da Acuicultura (Ctaqua) e da asociación empresarial Rema- Apromar. Como convidados externos, contouse coa participación de membros de Meteogalicia – Xunta de Galicia, a Oficina Española de Cambio Climático, o Instituto Español de Oceanografía e o Centro Tecnolóxico do Mar, asegurándose así a representación do sector produtivo, a administración e o ámbito académico e de investigación.

Como convidados externos ao proxecto contouse coa participación, entre outros, do catedrático da Universidade de Vigo, José Luis Soengas, coordinador do Máster en Acuicultura, e os investigadores Xavier Labandeira e Elena Ojea, membros do grupo intergubernamental sobre cambio climático da ONU (IPCC).

Identificación dos principais puntos críticos
Tras pórse en marcha a finais do pasado mes de novembro, durante o taller expúxose o traballo levado a cabo polo equipo do proxecto ao longo dos últimos meses, presentando os resultados do informe de diagnóstico para a súa aprobación. “Este diagnóstico consiste na análise da situación actual do sector acuícola fronte ao cambio climático, co fin de identificar os posibles impactos, así como a vulnerabilidade do sector ante eles”, explica a xestora do proxecto, Patricia Quintas, quen tamén fixo fincapé en que a partir desta análise será posible identificar os principais puntos críticos que servirán de guía para establecer entre todos os asistentes as posibles liñas e medidas de adaptación do sector fronte ao impacto do cambio climático.

O plan de adaptación presentarase este mesmo verán
Aquadapt finalizará no mes de xuño de 2018 cunha xornada de presentación na que se dará a coñecer o Plan de Adaptación da Acuicultura Mariña Española ao Cambio Climático e as iniciativas propostas para polo en marcha. “A celebración da xornada terá un carácter público e aberto de modo que os resultados sexan compartidos co maior número de organizacións e persoas posibles”, explicou Quintas.

Co proxecto Aquadapt abórdase por primeira vez a elaboración dun plan de adaptación no sector da acuicultura mariña en todo o territorio español no horizonte 2050, estruturado por especie cultivada e sistema de cultivo, e que levará asociado un plan de acción a curto prazo. Trátase de estudar cales son os posibles impactos que pode exercer o cambio climático sobre o cultivo de rodaballo, dourada e robaliza e deseñar un plan de adaptación, solucións que deberían irse implementando antes de que as posibles consecuencias se fagan realidade, explicaron os responsables do proxecto.

Ver noticia en su fuente original: DUVI