Campus do Mar presenta en Madrid o Plan de adaptación da acuicultura española ao cambio climático

Campus do Mar presenta en Madrid o Plan de adaptación da acuicultura española ao cambio climático

Redactar un plan de adaptación da acuicultura española ao cambio climático. Este era o principal obxectivo co que hai uns meses se puxo en marcha o proxecto Aquadapt, liderado polo Campus do Mar e financiado pola Fundación Biodiversidad, e grazas ao cal este martes puido presentarse en Madrid un plan de acción, toda unha programación de tarefas que se levarán a cabo ao longo dos vindeiros dous anos e coas que se tratará de diminuír a vulnerabilidade do sector ante os cambios derivados do aumento global da temperatura do aire e dos océanos. Trátase, segundo indicaron os seus redactores na xornada de presentación, de aumentar a xeración de información sobre diferentes variables ambientais, económicas e sociais e facilitar o seu acceso e dispoñibilidade a diferentes grupos de interese: axentes de i+D+i, sector empresarial e administracións públicas con competencias.

A xornada de presentación levouse a cabo na Secretaría General de Pesca de Madrid e nela contouse, entre outros, coa participación da xefa da Área de Acuicultura, Paloma Carballo, e o subdirector da Fundación Biodiversidad, Ignacio Torres Ruiz. Estaba tamén previsto que esta fose a primeira intervención pública do catedrático, Daniel Rey, como novo director do Campus do Mar e do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), pero, finalmente, non puido asistir debido ás desviacións de voos producidas no aeroporto de Peinador tras a desconexión do sistema ILS.

“As e os expertos que participaron neste proxecto ao longo dos últimos nove meses foron quen de identificar as principais liñas de acción que deben pórse en marcha. É un traballo moi bo, no que as distintas variables que se identifican aplícanse a exemplos de distintas áreas xeográficas, desde o Atlántico ata o Mediterráneo e tamén para algunhas das especies máis importantes para o sector”, explicou dende Vigo Daniel Rey, quen remarcou que “a miña presencia en Madrid era simplemente para darlle apoio aos investigadores e investigadoras, que foron os que fixeron o traballo, pero finalmente foime imposible chegar”.

Tres especies claves: rodaballo, dourada e robaliza

En Aquadapt centráronse no cultivo de tres especies (rodaballo, dourada e robaliza) e o estudo abarcou os dous sistemas principais de cultivo: as instalacións de terra en circuíto aberto e a gaiolas flotantes no mar. “Seleccionáronse dous casos de estudo, un en Galicia, en pleno océano Atlántico, pola súa importancia na produción de rodaballo, e outro na Comunidade Valenciana, no Mediterráneo, pola súa relevancia no cultivo da robaliza e da dourada”, recalcaron os impulsores, que fixeron tamén fincapé en que o sector acuícola español amosou, a xuízo dos responsables do proxecto, a súa resiliencia e adaptabilidade fronte a moitas circunstancias adversas e agora conta coas ferramentas necesarias para responder tamén de xeito positivo ao cambio climático.

Catro eixes de actuación

Por parte da Universidade de Vigo participaron na xornada de presentación do plan o coordinador técnico de Infraestruturas e Investigación do Centro de Investigación Mariña (CIM), Antonio Villanueva, a coordinadora técnica de innovación e transferencia do CIM, Cristina Quelle, e a xestora do proxecto Aquadapt, Patricia Quintas. Eles foron os encargados de detallar os catro eixes nos que se vertebra o Plan de Acción. O eixe 1 busca, segundo explicaron, aumentar o coñecemento científico e do sector empresarial sobre o impacto do cambio climático no sector; o 2 busca o reforzo do marco normativo e administrativo en materia de adaptación ao cambio climático; o 3, incrementar o acceso a fontes de financiamento especificamente dirixidas á adaptación do sector ao cambio climático, e o 4, a aumentar a colaboración entre grupos de interese no marco da transferencia do coñecemento ao longo da cadea de valor (labores de comunicación, concienciación e sensibilización).

“Dentro de cada liña descríbense as accións previstas para realizar no corto prazo e detállase a súa duración estimada, prioridade, axentes implicados, prazos… Na medida do posible, indícase unha estimación dos resultados obtidos, así como indicadores de seguimento de cada acción”, destacaron os representantes do Campus do Mar.

Ver noticia en su fuente original: DUVI